BOIRO> O pazo de Goiáns en Boiro foi un dos escenarios escollidos pola Deputación da Coruña para seguir desenvolvendo unha nova xornada do congreso itinerante ‘Degusta A Coruña’.
A actividade, organizada dende a área de Turismo do organismo provincial, ten coma principal finalidade identificar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.
No caso de Boiro, desenvolveuse unha mesa redonda baixo o título ‘Os grandes descoñecidos: viños da IXP Barbanza e Iria, e Rías Baixas subzona Ribeira do Ulla’.
A sesión contou coa participación de varios expertos do sector vitivinícola, entre os que se atopaban David Rial da adega Cazapitas, Paco Crusat de Adega Entre Os Ríos, Manolo Bandín de Bodegas Castellum Augusti, Nieves Millán de Bodega María Manuela e Juanjo Figueroa Treus de Agasu.
Na charla os asistentes puideron descubrir a calidade e a singularidade destes viños que, a pesar da súa excelencia, son aínda pouco coñecidos.
Os expertos compartiron tamén a súa visión sobre os desafíos e oportunidades destes viños autóctonos, poñendo en valor o seu papel no mercado.
Na actividade tomou parte o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, quen destacou a importancia deste tipo de xornadas, perfectamente alineadas coa súa campaña ‘A provincia que sabe’.
A xornada rematou cunha visita polas inmediacións do Pazo de Goiáns onde os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de preto a historia e o legado deste espazo histórico da man do técnico local Alberto García.
A visita serviu tamén para explorar os seus lagares e descubrir o seu vínculo con mundo do viño, destacando a súa tradición vitivinícola.
Posteriormente para xantar, celebrouse no pazo un cóctel maridaxe con produtos de proximidade e viños das IXP Barbzanza e Iria e Rías Baixas subzona Ribeira do Ulla.
A nota gastronómica puxérona os cociñeiros Luis Alijón do restaurante e Nojira; José Sergade de La Muradana e Alberto Carou do Curral do Marqués.











