IC Boiro alerta do risco de derrube no que se atopa o Pazo de Goiáns

BOIRO> A formación liderada por Manuel Velo informou da súa recente inclusión na lista vermella do patrimonio da asociación Hispania Nostra, dependente da UNESCO, na que se recollen aqueles elementos do Patrimonio Cultural Español sometidos a risco de desaparición.

Unha denuncia realizada polo propio Manuel Velo ante a asociación Hispania Nostra, á que lle enviou diversa documentación con fotografías nas que se observa o estado actual do pazo de Goiáns, foi a razón que levou a esta entidade, dependente da Unesco, a incluilo na lista vermella do patrimonio, na que se recollen aqueles elementos do Patrimonio Cultural Español sometidos a risco de desaparición. Segundo explicou o voceiro de IC Boiro o escaso interese mostrado polo equipo de goberno nestes últimos anos, deixando escapar unha subvención do Ministerio de Cultura de cincocentos mil euros para a rehabilitación deste espazo, sumado as obras de baleirado realizadas no seu interior, viñeron a empeorar a súa situación.

Velo teme ademais que a celebración inminente dun proceso electoral poida retrasar aínda máis a rehabilitación do edificio, unha das xoias da historia e da cultura non só do municipio senón tamén da comarca.