BOIRO> Ó longo de todo setembro, o concello de Boiro conmemorará o Mes da Danza con numerosos espectáculos de baile. O primeiro será mañá, día 1, coa actuación da compañía de danza de Fran Sieira.
O espectáculo Demente será o encargado de inaugurar o mes da danza en Boiro que collerá unha serie de actuacións ó longo de todo o mes para conmemorar o centenario do nacemento de José Manuel Rey de Viana.
O sábado 16 tocaralle a quenda á escola de ballet Cien Pliés mentres que o domingo 1 de outubro pechará o ciclo o Ballet Folclórico Galego.
Ademais da vertente cultural, esta iniciativa ten tamén unha compoñente solidaria posto que os fondos recadados en cada un dos espectáculos irán destinados a diferentes asociacións sen ánimo de lucro como AGADEA , ASANOG ou a AECC.
Tódolos espectáculos desenvolveranse no Pazo de Goiáns. A entrada terá un custo mínimo de dous euros como donativo para as distintas entidades sociais.











