150 corredores daranse cita na Carreira el Canario 5K en Ribeira

RIBEIRA> Uns 150 corredores tomarán parte na carreira ‘El Canario’ 5K que se disputará en Ribeira o 22 de xuño. Ademais da categoría absoluta haberá modalidade por parellas e zapatilla inclusiva así como probas para os máis pequenos.

Os afeccionados ó atletismo teñen unha cita o domingo día 22 de xuño en Ribeira. A partir das dez da mañá disputarase a Carreira El Canario 5K que acada xa a súa quinta edición.

Máis aló do carácter competitivo, o evento pretende converterse nunha xornada deportiva para disfrutar en familia con probas para tódalas idades. Ademais dos premios en metálico na categoría absoluta haberá agasallos para o mellores corredores locais e medallas para as categorías escolares. Os interesados en participar poden inscribirse ata o mércores 18 na web www.carreirasgalegas.com.