BARBANZA> José Enrique Abuín Gey, O Chicle, conseguiu o segundo grao. Institucións Penitenciarias acordou o cambio de clasificación do asasino de Diana Quer, que cumpre condena no penal de Villahierro en León. Poderá solicitar os primeiros permisos nun prazo de cinco anos.
A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias acordou outorgar o segundo grao a José Enrique Abuín Gey, O Chicle. O asasino de Diana Quer, que cumpre condena no Centro Penitenciario de Villahierro, en León, poderá solicitar permisos nun prazo de cinco anos. A pesar de abandonar o primeiro grao deberán transcorrer oito anos de prisión efectiva antes de poder solicitar os primeiros permisos, posto que está condenado a prisión permanente revisable. A este respecto cómpre lembrar que leva na cadea dende decembro de 2017, cando confesou a autoría do crime e desvelou o lugar onde ocultara o corpo de Diana.
A decisión de concederlle o segundo grao pode deberse a dous criterios: a valoración da capacidade do preso para levar unha convivencia normal ou que o tribunal considere que non ten capacidade para vivir en réxime de semi-liberdade. Cada seis meses, a xunta de tratamento avalía individualmente a cada interno para realizar unha proposta de clasificación individual. O Chicle foi condenado a prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada polos delitos de asasinato e contra a liberdade sexual.
A pena establece tamén o pago de sendas indemnizacións de 130 mil euros ó pai e á nai da vítima e 40 mil á irmá, así como a prohibición de achegarse a menos dun quilómetro ou comunicarse con eles ata transcorridos dez anos dende o cumprimento da pena.
Abuín Gey tentou a revisión da condena pero o Tribunal Supremo desestimou o recurso ratificando a sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña en decembro de 2019.