O Salnés decide hoxe se segue a estela do cambio iniciada en 2015

O SALNÉS> As eleccións municipais de 2015 foron sinónimo de cambio no Salnés. Unicamente catro dos seus nove concellos mantiveron as alcaldías de 2011: Meaño, Meis, Vilanova de Arousa (as tres do Partido Popular) e A Illa de Arousa (do Partido Socialista). Pola contra, fose froito de cambios na forza máis votada ou por alianzas, Cambados, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa deron un xiro con algunha que outra sorpresa entre as propias forzas políticas.

Un dos principais focos de interese está en Sanxenxo. En maio de 2015 o Partido Popular foi a forza máis votada con 8 edís, pero SAL (Sanxenxo Agrupación Liberal) pactou con BNG, PSdeG-PSOE e Sanxenxo Pode dándolle a alcaldía a Gonzalo Pita. A mediados do mandato e tralo abandono de Sanxenxo Pode, SAL pactou gobernar co Partido Popular e cederlle o bastón de mando a Telmo Martín, que xa fora alcalde do concello entre 1999 e 2007.

Agora, Martín enfróntase á posibilidade de dominar cunha maioría absoluta que se lle leva escapando ao seu partido desde 2011 (cando Catalina González gobernou en minoría). Non o terá doado, tendo en conta que se terá que enfrontar á propia González, liderando Xuntos por Sanxenxo, e tamén á ex-concelleira de SAL Vanessa Rodríguez, en Ciudadanos.

En Cambados tamén será unha noite intensa xa que, despois de catro anos dun cuadripartito cos seus máis e os seus menos, as forzas deste goberno teranse que enfrontar a coñecer o que opinou a cidadanía sobre a súa xestión neste mandato. Fátima Abal conseguiu a alcaldía para o PSdeG-PSOE grazas ao apoio de BNG, Somos Cambados e Cambados Pode, cuxo líder José Ramón Abal non deixara entrever a quen apoiaría ata o propio momento da votación.

Hoxe en Cambados preséntase unha nova lista, a de Ciudadanos, que loitará por facerse un oco no escenario de centro-dereita. O PP, pola súa banda, intentará recuperar a alcaldía para Luís Aragunde (alcalde entre 2011 e 2015) e para o seu partido, que levaba gañando todas as eleccións municipais con maioría absoluta desde 1991. Con esta fragmentación, non será nada doado imaxinar escenarios.

Independientes por Ribadumia conseguiu en 2015 cinco actas malia a terse refundado, case por sorpresa, a tan só uns meses dos comicios. Co apoio de Somos Ribadumia e do PSdeG-PSOE, fíxose coa alcaldía para David Castro. O principal obxectivo da formación será mellorar os seus resultados, co respaldo dos catro anos de goberno anteriores, e converterse na primeira forza: en 2015 o Partido Popular impúxose por un só edil e menos de 300 votos de diferenza.

No caso de Meis, o alcalde José Luis Pérez podería obter a súa sexta maioría absoluta como alcalde polo Partido Popular. Haberá que ter en conta tres cuestións: o paso de 13 a 11 actas pola perda de poboación (sitúase por debaixo dos 5.000 habitantes), a aparición da nova forza Independientes por Meis, con Serafín Melón á fronte, e que nas eleccións de 2015 Pérez obtivo a maioría por só 5 votos de diferenza.

Pola súa banda, o líder da oposición de Meaño, José Manuel Aspérez (Meaño Independiente), intentarase aproveitar do cambio de candidato do PP tralo abandono da vida política de Lourdes Ucha, que acadara unha maioría absoluta moi xusta en 2015, a só 81 votos.

Onde parece que hai pouca dúbida dos resultados é en concellos como Vilanova de Arousa, onde practicamente todo o mundo dá por feito que Gonzalo Durán (PP) obterá unha nova maioría absoluta. Unha maioría que tamén podería obter José Cacabelos, o alcalde socialista do Grove, se sobe dos oito edís que o seu partido obtivo nas últimas eleccións.

Tamén serían para o PSdeG-PSOE as alcaldías de Vilagarcía de Arousa e A Illa de Arousa, onde se lles supón impoñerse como primeira forza con folgura, se ben terá complicado medrar ata a maioría absoluta na capital do Salnés (as mellores enquisas danlle un edil menos do que precisaría).