O futuro político das Rías Baixas xógase no especial electoral #Contrastes26M

O programa arrancará ás 20:00 horas co avance dos primeiros datos e todas as reaccións

CANAL RÍAS BAIXAS> A noite electoral xógase en Canal Rías Baixas. A cadea preparou para este 26 de maio unha ampla cobertura informativa con motivo das eleccións municipais. Ás 20:00 horas, coincidindo co peche dos colexios electorais, botará a andar o especial ‘Contrastes: a noite decisiva’. O programa estará conducido por Dani García e contará con varios equipos informativos dende aqueles puntos onde o requira a actualidade. Nel farase un resumo da xornada, seguirase o escrutinio dos datos e recolleranse as primeiras reaccións aos resultados.

O espazo informativo porá o foco nos municipios das comarcas de Pontevedra, O Salnés, O Barbanza, Caldas, Muros-Noia e O Sar. En total, 34 concellos serán os protagonistas da noite. Ademais, tamén haberá tempo para coñecer os datos das principais cidades galegas, así como os resultados das eleccións europeas.

No ‘Contrastes: a noite decisiva’ tamén haberá tempo para a análise. Será da man de catro representantes políticos: Marta Rodríguez Arias (PP), Modesto Pose (PSdeG-PSOE), Xosé Castro Ratón (BNG) e Juan Fajardo (En Marea).

Minuto a minuto na rede
Ademais, Canal Rías Baixas ofrecerá un amplo seguimento informativo durante toda a xornada a través da Internet. Dende primeira hora da mañá a web de Canal Rías Baixas e os perfís en Facebook e Twitter da televisión irán achegando contidos informativos centrados na xornada electoral, repasando o mapa político actual e informando sobre todo o que vaia acontecendo durante o tempo no que os colexios estean abertos. Toda a actualidade relacionada coa xornada electoral poderase seguir a través do cancelo #Contrastes26M.

Comments are closed.