Canto cobran os concelleiros de Pontevedra?

PONTEVEDRA> Unha das primeiras medidas que tiveron que aprobar esta mañá os concelleiros foron os salarios. Os políticos municipais continuarán tendo os mesmos soldos que no ano 2010, co incremento anual do IPC. Polo tanto, Miguel Anxo Fernández Lores seguirá sendo un dos alcaldes mellores pagados de Galicia, xa que cobrará case 68 mil euros anuais.

O primeiro pleno de cada mandato sempre da moito que falar. E non porque nel se leven a cabo cuestións vitais para Pontevedra, senón porque dentro da organización do goberno municipal, tamén están os salarios. Unha das primeiras decisións que tiveron que aprobar esta mañá os concelleiros foi o seu soldo. Uns soldos que continuarán sendo os mesmos que os aprobados no ano 2010, co incremento anual do IPC. Polo tanto, con esta base, o alcalde cobrará, nos vindeiros 4 anos, un salario anual de 67.744 euros. 6 mil máis que o tenente de alcalde, xa que Tino Fernández cobrará 61.275 euros.

Por outra banda, os concelleiros con dedicación exclusiva terán un soldo anual de 46.554 euros e, como a lei permite ata un máximo de 13, estas repartiranse do seguinte modo: 8 entre os concelleiros do BNG, e dous no PSOE que se repartirán entre unha exclusiva para Tino Fernández e dous parciais para Gloria Blanco e Paloma Castro, que cobrarán polo tanto a metade, 23.277 euros.

Na oposición, ao PP correspóndelles cinco dedicacións parciais, que se dividirán entre Rafa Domínguez, Pablo Fernández, Martín Martínez, Silvia Junco e Juanma Muñoz.

En Ciudadanos, Goyo Revenga soamente cobrará por asistencia a plenos (300 euros por sesión) e as comisións informativas (entre 120 e 140 euros). Por último, cabe destacar que cada partido recibirá unha parte mensual. O BNG, 6.000 euros; o PP, 5.400; o PSOE, 3.900 e Ciudadanos, 3.000.

Unha distribución que parece que agradou a todos os membros da corporación municipal.