As eleccións europeas comparten hoxe protagonismo coas municipais

    O día de hoxe será lembrado pola coincidencia das eleccións municipais, 12 autonómicas e tamén as do Parlamento Europeo. A piques estivemos de ter superdomingo electoral, se non fora porque as xerais xa se celebraron o 28 de abril.

    2,7 millóns de galegos puideron votar hoxe nos comicios europeos, malia que a participación non adoita ser moi alta. En 2014 só acudiron ás urnas o 45% dos electores galegos. Hoxe, coa coincidencia coas municipais, melloráronse os datos. O segundo avance de participación ofrecido polo Ministerio do Interior amosa que participou un 16% máis de persoas ata as 18:00 horas. Pasamos de menos do 34% en Galicia ao 50%. Por provincias: un 49% na Coruña (do 32,5%) e 50,5% en Pontevedra (fronte ao 34,5% de 2014). As eleccións europeas funcionan cun sistema de circunscripción única, por iso se foron votar verían entre as papeletas candidaturas de Andalucía, Extremadura ou Cataluña.

    En canto ás candidaturas galegas: o BNG, integrado en Agora Repúblicas xunto con Esquerra ou Bildu, ten como máxima representante a Ana Miranda (número 5). Tamén En Marea, representado pola eurodeputada Lídia Senra, está integrado na lista de Compromiso con Europa. Senra é a número 2 nunha lista que comparte con Compromís ou Nueva Canarias. Compromiso por Galicia, baixo o paraugas de Coalición por unha Europa Solidaria, ten a Juan Carlos Piñeiro Docampo no número 3.

    Entre as principais candidaturas estatais atopamos nomes galegos como o de Francisco Millán Mon, número 8 do Partido Popular. Tamén Nicolás González Casares, número 9 do Partido Socialista. Nas pasadas eleccións de 2014 o PP obtivo o respaldo do 35% de electores galegos, con máis de 350.000 papeletas. O PSOE sumou preto do 22% con 220.000 votos. AGE situouse por enriba do 10% con 100.000 votos. Podemos e o BNG obtiveron arredor do 8% con 84.000 e 80.000 votos respectivamente.

    Comments are closed.