Porto do Son renderá culto ao polbo este vindeiro sábado

PORTO DO SON> Este vindeiro sábado celebrarase en Porto do Son unha das festas gastronómicas con máis sona en toda a comarca, na que o polbo é o protagonista. O Concello como entidade organizadora desta exaltación, que acada este ano a súa 26 edición, xa ten preparados mil quilos deste cefalópodo para repartir entre os asistentes ó evento.

O concello de Porto do Son, entidade organizadora da festa de exaltación do polbo está, nestes días, a ultimar os derradeiros detalles do evento, que se celebrará este próximo sábado 10 de agosto na explanada portuaria da localidade. Como xa ben acontecendo en anos anteriores, os cociñeiros da pulpería Veloso, de Ponte Ulla, serán a encargados de cocer o produto estrela da degustación.

O Concello sonense programou tamén unha serie de actividades paralelas á propia degustación, que incluirán un grupo de música tradicional que amenizará a sobremesa e inchables para os máis pequenos, e volverase a organizar a tradicional andaina dende Boiro dos últimos anos da man dos International Trekkers.

O pasado ano degustáronse uns mil quilos de polbo, repartidos nunhas dúas mil racións. Unhas cifras que agardan polo menos repetir na edición deste ano. Os comensais poderán degustar o polbo a partir das doce do mediodía. A ración de polbo terá un custe duns doce euros e servirase acompañada de empanada, viño e refrescos.