Asinado o convenio entre a Deputación e o concello de Rianxo para a futura residencia

RIANXO> Rianxo disporá por fin da súa ansiada residencia para maiores, grazas ó apoio da Deputación da Coruña. Esta mañá o alcalde da localidade, Julián Bustelo, e o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, asinaban, na Coruña, o convenio de colaboración para a redacción do proxecto da nova infraestrutura que será financiada pola Deputación.

Día histórico para Rianxo, pois ve comprometido un servizo polo que levaba tempo agardando. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da localidade, Julián Bustelo, asinaban esta mañá o convenio para a redacción do proxecto da futura residencia de maiores que a institución provincial financiará no municipio.

O Concello porá a disposición da administración provincial uns terreos situados en Rianxiño, nunha parcela anexa ó IES Félix Muriel. Ademais de asumir a construción das instalacións, cun investimento de dous millóns de euros, a Deputación encargarase da xestión dos equipamentos e financiamento das 50 prazas públicas que se prevén crear.

Xunto coa de Rianxo, a Deputación asinará tamén convenios cos concellos de Ordes e As Pontes co obxectivo de crear unha rede provincial de prazas públicas para a asistencia á terceira idade.