Deteñen a un rianxeiro por tráfico de drogas, usurpación de estado civil e seguridade do tráfico

BOIRO> A Gardia Civil, en colaboración coa Policía Local da localidade, procedeu á detención dun rianxeiro coma presunto autor dun delito contra a saúde pública, outro de usurpación de estado civil e un terceiro contra a seguridade do tráfico. Segundo informaron fontes policiais o individuo foi atopado pola Policía Local durmindo no interior dun vehículo estacionado na Praza da Terceira Idade, xunto ó centro social, nunha zona exclusiva de tránsito peonil. No interior do turismo tamén atoparon dous cans e restos de follas e plantas de marihuana, polo que requiriron o apoio da Garda Civil. Ó proceder á súa identificación, constatouse que o DNI aportado non correspondía coa súa identidade, e nun ‘cacheo’ posterior tamén lle requisaron varios envoltorios, en cuxo interior había unha substancia branca en forma de pedra, supostamente cocaína. Nun rexistro ó turismo, os axentes tamén atoparon unha carteira con máis de catrocentos euros en metálico, dúas pistolas de gas, oito aneis de fantasía, unha navalla e un teléfono móbil. O detido xa pasou a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira.