RIBEIRA> A parroquia ribeirense de Palmeira acollerá esta próxima fin de semana unha nova edición da Festa do Polbo. A cita gastronómica, organizada polo Concello en colaboración coa Comisión de Festas e varios locais hostaleiros, foi presentada este mediodía no Concello pola tenente de alcalde Mariola García e o edil Emilio Pérez.
O porto de Palmeira, onde se instalará unha carpa para a ocasión, volverá a ser o lugar escollido para a celebración desta festa gastronómica, que chega este ano a súa sexta edición. O encargado dos fogóns, nos que se preparará o cefalópodo, será un ano máis o reputado polbeiro, Manuel Veloso. A organización prevé superar os mil quilos de polbo, cantidade consumida o pasado ano.
Dende o Concello animan a participar nesta cita gastronómica.
Á par da degustación, tamén se deseñou un amplo abano de actividades complementarias, con varias actuacións musicais e diversas exhibicións. O pregón da festa este ano correrá a cargo da prestixiosa oncóloga palmeirá Manuela Gago Domínguez. Será o sábado ás oito da tarde.