A Xunta sacará unha liña de axudas para promover ‘chiringuitos’ máis integrados na paisaxe

RIBEIRA> O auditorio municipal de Ribeira acolleu esta mañá o acto de entrega de premios do concurso de ideas para o deseño dun prototipo de chiringuito de praia biosostible convocado en setembro pasado pola consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de unificar a estética destes peculiares establecementos hostaleiros de tempada, co obxectivo de garantir así un desenvolvemento sostible da costa, integrando este tipo de construcións no seu entorno e que sirva de modelo de referencia para futuras instalacións.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola propia titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Na súa intervención Rueda destacou a importancia desta iniciativa ó tempo que reafirmou o compromiso do Goberno Galego de avanzar cara a un modelo máis respectuoso e homoxéneo, que compatibilice a actividade económica coa conservación da contorna, tal e como establece a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Das 16 propostas finalmente admitidas ó concurso, tan só tres foron avaliadas polo xurado para seren incluídas na proposta final, sendo tres os premios asignados.

O primeiro premio de 12 mil euros foi para a proposta presentada por Emilio José Granda Caicedo e Santiago Ramos de Teresa baixo o lema ‘Do mar ao furancho’.

Tamén se estabñecero un segundo de 10 mil euros para ‘Módulo, serie e litoral’ e un terceiro de 8 mil euros para ‘Secadoiro’.

Está previsto que a finais deste mes de xaneiro a Xunta saque unha nova liña de axudas por un importe de un millón de euros que ten por obxectivo facilitar que os propietarios destes chiringuitos que queiran renovar os seus negocios poidan adoptar os deseños galardoados.

A contía da axuda poderá cubrir ata o 50% do proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima por proxecto de 10 mil.

No caso da adaptación integral ós prototipos de chiringuito biosostible do concurso de ideas, a axuda poderá chegar ata o 70% do investimento subvencionable cunha contía máxima de 20 mil.