Un centenar de persoas concéntranse en apoio aos policías despregados en Cataluña

PONTEVEDRA> Un centenar de persoas concentráronse esta mañá na comisaría de Pontevedra para mostrar o seu apoio a todas as Forzas de Seguridade despregadas en Cataluña. Un acto no que participaron membros do Partido Popular, de Cidadáns, de Vox e de Espazo Común e que serviu para pedir máis contundencia ao Goberno central.

Con este acto, Pontevedra sumouse esta mañá ás concentracións convocadas en toda España en apoio e respaldo aos policías despregados en Cataluña. Os presentes quixeron poñer en valor o traballo de todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado tras as escenas vividas nos últimos días.  Uns feitos que provocaron xa que máis dun centenar de policías tiveran que ser atendidos polos servizos médicos e, incluso, que un compañeiro da UIP de Vigo estea ingresado, en estado grave, na Unidade de Coidados Intensivos.

No manifesto, os membros dos sindicatos policiais pedíronlle ao Goberno central máis contundencia e esixíronlle ao Ministerio de Interior reforzos humanos inmediatos.

Os presentes nesta concentración manifestaron o seu orgullo ante o traballo incansable das Forzas e Corpos de Seguridade e pedíronlle á Fiscalía Xeral do Estado maior implicación e contundencia ante o que eles mesmos consideraron como “terrorismo na rúa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí