A antiga Casa Consistorial, o voto telemático e o conflito de Cataluña, a debate no pleno municipal

PONTEVEDRA> Os membros do PP de Pontevedra non puideron asistir a este acto porque coincidiu coa celebración do pleno da Corporación. Iso si, na sesión plenaria, o partido liderado por Rafa Domínguez presentou unha moción de urxencia, para mostrar o seu apoio a todas as Forzas do Estado. A reforma da antiga Casa Consistorial e a implantación do voto telemático foron os outros temas debatidos esta mañá.

O que parecía que ía a ser un pleno municipal tranquilo, acabou converténdose nun tenso debate. Un dos momentos máis álxidos da sesión produciuse pola moción do Partido Popular sobre a reforma integral da antiga Casa Consistorial. Os populares denunciaron o deterioro e o abandono do edificio emblemático e insistiron en que hai un risco real de derrube.

Ante estas declaracións, o goberno municipal tachou aos populares de intentar alarmar á cidadanía cun suposto risco de derrube inexistente.

Pero esta non foi a única moción do PP que a corporación municipal acabou rexeitando. O BNG e o PSOE votaron tamén en contra da proposta dos populares de implantar o voto telemático para os plenos nos casos de embarazo, baixas por maternidade ou paternidade ou enfermidade grave.

A única proposta dos populares que foi aprobada pola corporación municipal foi a moción, presentada por urxencia, en apoio ás Forzas de Seguridade despregadas en Cataluña. Iso si, esta moción provocou, por primeira vez neste mandato, o voto dividido do goberno municipal. O PSOE votou a favor e BNG en contra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí