PONTEVEDRA> Por primeira vez todas as partes implicadas no conflito sobre o futuro de ENCE sentaron onte en Madrid. Asistiron á convocatoria da primeira reunión da mesa de diálogo organizada pola Ministra para a Transición Ecolóxica. Tamén por primeira vez a pasteira abriuse a estudar novos escenarios para unha posible alternativa a Lourizán. A ministra Teresa Ribera, pola súa banda, animou a abrir o diálogo local.
Todas as partes implicadas sentaron onte na mesa de diálogo sobre o futuro de ENCE en Pontevedra. Tralo encontro convocado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en Madrid, Teresa Ribera animou ás partes a identificar propostas e alternativas, tendo en conta os dous escenarios posibles: que a concesión remate en 2023 ou en 2073, dependendo de se a Audiencia Nacional bota abaixo ou non a prórroga concedida polo executivo de Rajoy.
Pola súa banda, a empresa insiste en que o traslado non é viable. Pero por primeira vez ábrese á posibilidade de escoitar alternativas á súa ubicación en Lourizán. O que si defende é a legalidade da prórroga ata o 2073.
En canto á postura da Xunta de Galicia, o goberno autonómico tamén acepta avaliar outras posibilidades para o futuro de ENCE se hai sobre a mesa financiamento de fondos europeos e capital privado.
Tamén sentou á mesa o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores ve un paso adiante na posibilidade de buscar alternativas ao emprazamento da factoría en Lourizán.
Fernández Lores reforzou a súa posición, asegurando que defenderá por riba de todo a marcha de ENCE da ría de Pontevedra.