A CIG acusa a unha empresa de transporte de acoso laboral e de explotación

PONTEVEDRA> O sindicato CIG acusou esta mañá a unha empresa de transporte de mercadorías perigosas de acoso laboral e de cometer un delito contra a liberdade sindical. O secretario comarcal denunciou tamén as malas condicións laborais que están sufrindo os camioneiros, quenes teñen que realizar xornadas diarias de 15 horas.

Vulneración dos dereitos sindicais, acoso e malas condicións laborais. Eses son os principais problemas aos que se están a enfrontar os traballadores dunha empresa de transportes de Pontevedra. Estas acusacións, por parte do sindicato CIG, veñen tras a elección dunha nova delegada de persoal. Segundo os representantes sindicais, a empresa Transportes Montes Orozco modificou os horarios e rutas dos camioneiros  co obxectivo de favorecer a unha das candidatas.

Tras estes feitos, a CIG impugnou este proceso e grazas á Inspección de traballo, finalmente repetiranse ás eleccións. Sen embargo, a resposta por parte da empresa a este suceso foi a imposición dunha sanción a Manuel Pazos, o outro candidato.

Os representantes sindicais están convencidos de que estes feitos superan o acoso laboral e por iso acudirán á Fiscalía para que investigue se se están a vulnerar o dereito da liberdade sindical. Pero a CIG non se queda aí e denuncia tamén as malas condicións laborais que están sufrindo os camioneiros da empresa de transportes Montes Orozco.

Estes camioneiros realizan xornadas de 15 horas nas que conducen, unha media diaria, de 700 km. E todo isto por salarios que non superan os 1.000 euros. Unha situación descontrolada e que, segundo a CIG, está a empeorando nos últimos tempos.