Bota a andar un novo obradoiro de emprego en Rianxo

RIANXO> O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaba esta mañá Rianxo para participar no acto de presentación dun novo obradoiro de emprego. Nesta ocasión a oferta formativa terá coma especialidade a Instalación de Placa de Xeso Laminado e Falsos Teitos. Na experiencia participan un total de quince persoas en situación de desemprego.

A pesar de que a actividade do obradoiro de emprego xa se iniciou hai varias semanas, non foi ata hoxe a súa presentación oficial nun acto celebrado no Concello, e que contou, ademais do alcalde, Adolfo Muíños, coa presenza do delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Esta nova acción formativo-laboral da Xunta en Rianxo conta cun orzamento duns 252 mil euros. A súa especialidade será a Instalación de Placa de Xeso Laminado e Falsos Teitos, con 15 prazas ofertadas.

O alcalde agradeceu á Xunta o investimento realizado para poñer en marcha este novo obradoiro. Segundo el o seu traballo centrarase na reforma da primeira planta da Casa do Mar, antigo centro de saúde, para centralizar alí un espazo para a creación musical.

Nesta nova convocatoria, na comarca do Barbanza a Xunta financiará un total de cinco talleres, tres deles de carácter dual, onde participan alumnos de calquera idade, e dous de garantía xuvenil, para mozos menores de 30 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí