A caída de ingresos e a falta de axudas de Mar aboca á confraría de Cabo de Cruz a un ERTE

BOIRO> A confraría de Cabo de Cruz veuse abocada a presentar un ERTE.  A caída de ingresos derivada da escaseza de marisco e a falla de axudas derivou nunha situación económica insostible.

Dos vixilantes con que contaba a confraría de Cabo de Cruz, a tres se lles rescindiu o contrato e dez acolléronse ó ERTE presentado polo pósito xunto con outros dous traballadores da lonxa. A caída das vendas, con marisqueo practicamente parado, derivou nunha situación de inviabilidade que se veu agravada ante a falla de axudas por parte da administración.

Esta situación levou ós propios mariscadores a exercer como vixilantes, asumindo riscos ante o cariz violento que está a tomar o furtivismo.

A este respecto, dende a confraría crucense din sentirse discriminados pola Consellería do Mar que ademais de denegar as axudas non realiza ningún investimento nas instalacións portuarias.