Durán recorre ao Consello Consultivo para tomar unha decisión sobre o futuro da Mancomunidade do Salnés

O SALNÉS> O presidente en funcións da Mancomunidade do Salnés recorre ó Consello Consultivo de Galicia para decidi-lo futuro do organismo comarcal. Gonzalo Durán remitiu esta tarde a ese órgano un documento no que lle traslada as súas dúbidas sobre a posible convocatoria do pleno de constitución, mentres non se resolvan as dúbidas sobre a polémica votación de Meaño.

O presidente en funcións da Mancomunidade do Salnés resístese a convoca-lo pleno de constitución que, dende hai meses, reclaman os socialistas da comarca. O PSdeG anunciou que ía leva-lo asunto ó Parlamento Galego para que instase á Xunta a resolver dúbidas. Pero coa manobra de hoxe, o vilanovés presume de terse adiantado ós socialistas. Di que el está tan interesado como eles en acabar co culebrón.

Porque a cuestión de Meaño centra, para Durán, o futuro do ente comarcal. Na petición enviada hoxe ó Consello Consultivo, o vilanovés adxunta dous informes da secretaria da Mancomunidade que, ó seu xuízo, son contraditorios. Nun deles indícase que a sesións constitutiva debe agardar ata que se resolvan os procesos abertos pola votación secreta de Meaño.

Durán confía en que o Consello Consultivo axude a despexa-lo futuro da Mancomunidade.

Con todo, Durán insiste en que a solución pasa porque se repita a votación de Meaño. Pídelle ó PSOE que “devolvan o roubado”.

E acusa ós socilistas e, en especial ó alcalde de Vilagarcía de non xogar limpo. Din que, por detrás, están politizando a Mancomunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí