Gastronomía, viño e moitas sorpresas na quinta edición do Máis que Tapas

BOIRO> A quinta edición do certame Vai de Tapas arranca este fin de semana en Boiro con moitas novidades. Profesionais da gastronomía, da viticultura e da arte incorpóranse a esta iniciativa para ofrecer actividades complementarias ás degustacións das tapas.

Gastronomía e viños da terra maridarán á perfección na Ruta Máis que Tapas de Arousa Norte. Arranca este venres en Boiro e desenvolverase durante o mes de novembro; cada fin de semana nun dos catro concellos do Barbanza.

Son moitas as novidades que se introduciron nesta quinta edición do certame que contará coa participación de diversas personalidades para guiar e amenizar as degustacións gastronómicas.

A colaboración con dúas bodegas da zona; Saborido e Entre Os Ríos, aportará un valor engadido a esta ruta xa que os clientes que consuman as tapas acompañadas de viños da Terra do Barbanza e Iria, así como de cervexa Mahou, estarán convidados á segunda copa.

Tamén se introducen cambios nos premios. As tapas gañadoras participarán nun showcooking no festival da luz en Boimorto mentres que o público participante entrará no sorteo de catro bonos gastronómicos e entradas para un concerto exclusivo que se celebrará este ano no Barbanza. Ademais, este venres, día de apertura da ruta en Boiro, os establecementos participantes entregarán dúas entradas gratuítas para o concerto de Wyoming que terá lugar esta mesma noite na Pousada da Galiza Imaxinaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí