O Chicle emprega o seu dereito á última palabra para “pedir novamente perdón”

SANTIAGO> O xurado xa delibera sobre o grao de culpabilidade do Chicle no crime de Diana Quer. Este mediodía, os nove membros retiráronse a analizar as probas presentadas durante as 11 xornadas que durou o xuízo. Hoxe a defensa presentou o seu alegato final, que aproveitou para sementar de dúbidas toda a investigación e o trato recibido por José Enrique Abuín. Pola súa banda, O Chicle aproveitou o seu dereito á última palabra para pedir perdón.

Con estas palabras, José Enrique Abuín pechaba a décimo primeira e última xornada de xuízo polo crime de Diana Quer. Unha sesión dedicada a escoitar o alegato final da súa avogada, que só recoñece un homicidio imprudente ou con dolo eventual, castigados con penas de dous anos e medio ou de cinco a sete anos de cadea.

Fernanda Álvarez cuestionou toda a instrución do caso, dende a actuación da Garda Civil á dos forenses. Segundo a letrada, toda a investigación foi dirixida a culpar ao Chicle de detención ilegal, asasinato e agresión sexual, cando en ningún momento se atoparon probas que o demostren.

Nesta liña, recoñeceu os antecedentes do seu cliente e algúns dos comportamentos que se sinalaron durante o xuízo pero, apuntou, non o convirten nun asasino ou violador. Axustándose á súa versión, asegura que O Chicle atacou a Diana de xeito institivo.

A letrada foi especialmente dura co tratamento que os medios de comunicación deron ao caso. Acusounos de montar unha película de terror.

Tamén se dirixiu ao xurado, apelándoos a empregar a razón e non o corazón á hora de decidir o grao de culpabilidade do Chicle.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí