O presidente da Deputación inaugura a nova sede da policía de Rianxo

RIANXO> O presidente da Deputación da Coruña inaugurou esta mañá a nova sede da policía local de Rianxo. As instalacións, financiadas con cargo ó Plan Único da Deputación, xa están rematadas aínda que o traslado do servizo non será efectivo ata xaneiro.

A nova sede da policía local de Rianxo xa é unha realidade. As obras iniciáranse hai máis dunha década ó abeiro do Plan E que daquela impulsara o goberno central. Tras anos paralizadas, o Plan Único da Deputación permitiu retomar o proxecto cun investimento de máis de cen mil euros, dotando ó servizo dunhas instalacións modernas e independentes, nun local situado trala igrexa da Guadalupe. Ata o momento, viñan ocupando parte da planta baixa da casa consistorial.

Ademais dunha notable mellora nas condicións de traballo, esta nova sede suporá unha maior operatividade do servizo. As instalacións,  contan con área de oficinas e atención á cidadanía, unha sala de rexistros e vestiarios, repartidos en algo máis de douscentos metros cadrados. Reservouse tamén unha pequena sala na que se recolle parte da historia do corpo a través de fotos e documentos.

Non será esta a única obra que se executará en Rianxo no marco do Plan Único. Para o 2020 está prevista a construción do novo arquivo municipal.

Segundo indicou o presidente da Deputación, nos últimos catro anos desenvolvéronse en Rianxo obras por valor de máis de catro millóns de euros no marco deste programa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí