A Pobra e Porto do Son súmase á rede galega de lonxas dixitais

BARBANZA> As lonxas da Pobra e Porto do Son veñen de incorporarse á iniciativa Primare Lonxas 4.0 para a dixitalización dos seus sistemas. Nesta primeira fase son catorce as rulas que xa contan con este sistema de xestión integral.

As lonxas da Pobra e Porto do Son xunto con outras doce das provincias da Coruña e Pontevedra dispoñen xa dunha plataforma única que integra os sistemas de xestión, poxa, comercialización e emisión de notas de venda. Son as catorce primeira rulas que se incorporan á iniciativa Primare lonxas 4.0 impulsada pola AMTEGA e a Consellería do Mar.

Dende o inicio do programa xa se xestionaron na plataforma máis de trinta e oito mil lotos que supuxeron mil trescentas toneladas de produto e un importe de venda de 3’3 millóns de euros. Este novo sistema de xestión permite ás lonxas obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas así como a emisión dos documentos relacionados coa comercialización dos produtos. Facilita ademais a tramitación da contabilidade e da facturación, o pago de impostas coas administracións e a xestión social da entidade.

As lonxas integradas conta con novos equipos tecnolóxicos como pantallas de poxa, servidores e demais equipamento. A través deste sistema, o director da subhasta coordina o proceso a través dun smartphone. Os compradores autorizados poden poxar a través dunha aplicación e mesmo realizar poxas simultáneas en diferentes rulas.

Tras esta primeira fase está previsto que ó longo de 2020 continúe a estenderse a implantación deste sistema polo resto de lonxas galegas. A Xunta está a investir neste programa preto de cinco millóns de euros, entre 2018 e 2021, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí