A POBRA> Transcorrida xa máis dunha semana dende a xornada electoral, o escenario para conformar goberno segue aínda moi aberto en varios concellos da comarca. É o caso da Pobra, onde PP e VIP mantiveron unha primeira toma de contacto, de momento, sen resultados.
Os populares entenden que os resultados do 28M expresan a vontade de cambio da cidadanía que, unha vez máis, os converteu na lista máis votada pero non o suficiente para gobernar en solitario.
Conscientes de que son os independentes os que teñen a chave do futuro goberno, os populares están a expensas da súa decisión. VIP podería entrar nun bipartito cos populares, integrarse no actual goberno conformando un cuadripartito, outorgar o seu apoio na investidura ou optar por quedar na oposición facilitando que goberne a lista máis votada.
Á espera de que os independentes tomen unha decisión, dende o PP decidiron non iniciar conversas co resto dos grupos posto que se trataría dun mero formalismo xa que Nós Pobra, BNG e PSOE veñen gobernando en coalición dende hai tres anos.