Os traballos de rexeneración ambiental na Ribeiriña estarán concluidos no verán

POBRA> Acompañada do alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, supervisou esta mañá os traballos de rexeneración ambiental que se están a levar a cabo na zona da Ribeiriña trala recuperación por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dos terreos de dominio público marítimo terrestre concesionados no seu día ás fábricas de La Onza de Oro e Hadasa.

A actuación, que está a realizar a Demarcación de Costas, conta cun orzamento duns 800 mil euros, financiados con cargo ós fondos do Plan de Recuperación.

O alcalde agradeceu a actuación que permitirá recuperar unha zona dun alto valor paisaxístico e medioambiental. Máis complicado segundo el será resolver o problema do derrube da vella fábrica de Hadasa.

O proxecto contempla tamén a creación dunha senda litoral integrada na paisaxe que sirva como transición entre a costa e os núcleos de vivendas próximos.

O prazo de execución dos traballos é de oito meses, polo que poderían estar rematados durante este verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí