PONTEVEDRA> Pontevedra é a provincia galega na que máis medrou o turismo nos últimos dez anos. En concreto, na última década rexistrouse un incremento do 39% no número de viaxeiros. O conselleiro de Cultura e Turismo anunciou esta mañá estes datos e destacou sobre todo a suba no turismo internacional.
Cifras turísticas de récord para a provincia. Na última década, Pontevedra conseguiu un crecemento do 39% no número de viaxeiros. En 2019, as cifras rexistradas superaron o 1,7 millóns de visitantes e as 4,3 millóns de pernoitas.
Tanto o turismo interno como o turismo nacional rexistraron unha suba na última década, pero destaca sobre todo o crecemento no turismo internacional. Neste mercado a cifra de viaxeiros medrou nun 121%.
Os hoteis seguen sendo o tipo de aloxamento preferido polos turistas que visitan a nosa provincia. Sen embargo, o incremento do turismo rural é o dato máis sorprendente.
O conselleiro de Cultura e Turismo quixo poñer en valor esta mañá o turismo de calidade coa implantación do selo Q de calidade en espazos públicos singulares. Tales como o Camiño Portugués ou a Ruta do Viño das Rías Baixas.
Os datos presentados esta mañá recollen tamén un importante crecemento no xeodestino Ría e Terras de Pontevedra. Este foi o terceiro que máis medrou en Galicia durante o 2019, superando o medio millón de visitantes.