Fernández Lores non desbota que PP e PSOE se unan nunha moción de censura

PONTEVEDRA> O BNG de Pontevedra non desbota que a moción de censura calle no concello capitalino. O vindeiro luns, Miguel Anxo Fernández Lores enfrontarase a unha cuestión de confianza vencellada á aprobación dos orzamentos para o 2024. De non contar co apoio maioritario da corporación, abrirase o prazo dun mes para que PSOE e PP acorden unha alternativa de goberno. A pesares de que os socialistas desbotan esta posibilidade, o alcalde recorda que as dúas formacións comparten puntos de vista en cuestións como a reapertura de Raíña Vitoria, o traslado da feira á Alameda ou o conflito cos funcionarios.

A Xunta de Voceiros do concello de Pontevedra definiu como será o pleno que se celebrará o vindeiro luns, 8 de xaneiro. Unha sesión na que se debaterá a moción de confianza presentada polo alcalde.

Se a moción de confianza conta con máis votos a favor que en contra, quedarán aprobados os orzamentos municipais para o 2024. De ser ao revés, abrirase o prazo dun mes para que a oposición, Partido Popular e PSOE, intente dar forma a unha moción de censura.

A pesares de que os socialistas aseguraron en varias ocasións que non farán alcalde ao popular Rafa Domínguez, Fernández Lores non desbota que a moción de censura e o cambio de goberno callen no concello de Pontevedra.

O rexedor recordou que unha nova prórroga dos orzamentos de 2022 compromete as prestacións e os servizos municipais e insistiu na importancia de aprobar as contas para o 2024.