PONTEVEDRA/SALNÉS> A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten máis dun 95% das camas de hospitalización ocupadas. Así o informou hoxe o seu xerente. A situación vén dada polo elevado número de casos que se están a rexistrar de infeccións respiratorias, principalmente de gripe A. Por iso, explicou José Flores, mantéñense abertas a totalidade das camas de hospitalización convencional e non hai risco de colapso.
A piques de rematar o mes de marzo, as infeccións respiratorias elevan ata o 96% a ocupación das camas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son casos principalmente de gripe A.
De feito, nos últimos meses a ocupación media das camas de hospitalización está a roldar o 80%. Flores sinalou tamén o incremento de pacientes con patoloxías crónicas que, ao presentar complicacións, requiren de ingresos máis prolongados.
Ante esta situación, a área sanitaria mantén abertas o 100% das camas. Ademais, tomáronse decisións extraordinarias como a apertura do espazo M3 no Hospital Provincial.
Así as cousas, o xerente sinalou que non existe risco de colapso nos tres hospitais da área sanitaria. E asegurou que a alta ocupación non alterou a súa actividade normal.
José Flores apuntou que esta situación se está a dar en toda Galicia, coa excepción de áreas sanitarias como Ferrol ou Lugo, que se ven favorecidas, dixo, pola dispersión da poboación.










