Aralde reclama cubertas exteriores para protexer aos escolares os días de choiva

VILAGARCÍA> O consello escolar do colexio de Aralde reclama un patio cuberto para o alumnado do centro. Denuncian os problemas que sofren os escolares os días de choiva. Os pais e nais séntense rexeitados por parte do xefe territorial da xunta en Pontevedra. Piden ao concello que xa que se comprometeu, que actúe canto antes.

Na escola unitaria de Aralde en Vilagarcía están matriculados 19 nenos e nenas de 3 a 5 anos. Escolares que, segundo os pais, reciben unha gran educación. O problema que atopan neste centro son as súas instalacións. Os días de choiva os menores non teñen nin un patio cuberto nin accesos protexidos ao recinto. O consello escolar xa está farto desta situación.

Os pais e nais denuncian o rexeitamento sufrido por parte do xefe territorial da xunta en Pontevedra.

O consello escolar reclama un patio tapado para que os escolares poidan saír ao exterior os días de chuvia e unha cuberta para acceder ao recinto sen mollarse. O concello comprometeuse a facelo pola súa conta despois de negociar sen éxito coa xunta, pero un ano despois non se levou a cabo ningunha actuación no centro.

Segundo o consello escolar, o concello está pendente dun documento para poder aprobar a obra, pero en Aralde seguen agardando. Tamén reclaman á xunta o mesmo trato que ao resto de colexios.

Os pais e nais aseguran que este é o único centro que carece deste servizo. Advirten que se ningunha administración toma medidas comezarán a mobilizarse para loitar pola protección dos pequenos.