O enoturismo e a simbiose do sector coa contorna centran o XIV Foro do Albariño de Terra de Asorei

MEIS> A simbiose coa contorna e o enoturismo centraron o XIV Foro Económico e Social do Albariño organizado pola adega meisina Terra de Asorei. Estes días pasaron por este encontro expertos de distintos sectores para analizar o papel do viño como axente dinamizador do territorio, así como do enoturismo como unha ferramenta para reforzar a competitividade. Un espazo de reflexión sobre o futuro do sector marcado tamén pola incerteza comercial e os desafíos nos mercados internacionais.

O Foro do Albariño que acolle a adega Terra de Asorei naceu no 2008 e dende o 2019 e tamén un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta décimo cuarta edición, a iniciativa centrouse en dúas áreas: o enoturismo como ferramenta para reforzar a competitividade e a importancia das adegas como motores de dinamización dun territorio, en simbiose coa contorna.

Cataluña volveu ter neste foro un peso destacado. Un espello no que as zonas produtoras de Galicia se poden mirar, no camiño cara a sostibilidade e a harmonía entre sector, medio ambiente e territorio. Caso dunha adega do Penedés, que aposta polos cultivos biodinámicos.

Unha aposta pola sostiblidade que non se entende sen a investigación e a innovación.

Nesa liña, no foro tamén se abordaron investigacións galegas que poden revolucionar o sector. Unha delas, o aproveitamento dos subprodutos das adegas para aproveitamento noutras industrias, baseándose na economía circular.

Ademais, Zona Franca de Vigo está implicada no foro por terceiro ano consecutivo.

Os rexedores de Cambados e Meis aproveitan para destacar a importancia da formación e investigación no sector.

O foro arrancou este xoves, incluíndo tamén distintas catas comentadas. Clausurouse na tarde deste venres coa entrega de diplomas ao alumnado da VI edición do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela.