A escritora María Reimóndez consegue o I Premio Literario Pinto e Maragota

PONTEVEDRA> O I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade xa ten nome. A escritora María Reimóndez conseguiu facerse co galardón grazas a “Cobiza”. Unha novela de ciencia ficción que será publicada por Edicións Xerais de Galicia.

A escritora María Reimóndez converteuse hoxe na gañadora do I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade. A autora lucense conseguiu este galardón grazas a unha novela titulada “Cobiza”. Unha obra de ciencia ficción con gran carácter reivindicativo e que presenta unha profunda reflexión sobre a construción do sexo e o xénero.

O xurado deste certame literario estivo formado por Ana Ojea, coordinadora do CIDES, Ada Otero, en representación da Concellería de Igualdade, a escritora Eva Mejuto e  a docente Anxos Rial. Un xurado que quixo poñer en valor esta mañá a alta calidade dos 24 traballos presentados.

Tras o éxito desta edición do Premio Pinto e Maragota, a concelleira de Igualdade deixou claro esta mañá que esta é a primeira de moitas.

Ademais da dotación económica de 3.000 euros, a obra de María Reimóndez será publicada en xaneiro por Edicións Xerais de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí