Ata oito horas de cola para facerse cunha das 1.200 entradas para ver o España-Italia en Pasarón

PONTEVEDRA> Longas colas para facerse con algunha das 1.200 entradas para ver o partido entre as seleccións femininas de fútbol de España e Italia. Enfrontaranse mañá no estadio pontevedrés de Pasarón. Onte a Real Federación Galega de Fútbol anunciaba esta segunda quenda de venda cos billetes que quedaron liberados tanto por parte da selección italiana como dos patrocinadores. As primeiras entradas que saíron á venda a semana pasada esgotáronse rapidamente polo que moitos afeccionados animáronse a facer cola dende primeira hora para non perder esta nova oportunidade.

As campioas do mundo desatan o furor en Pontevedra.
Tras oito horas de agarda ás portas da sede da Real Federación Galega de Fútbol na cidade, Alicia facíase coa primeira das 1.200 entradas que hoxe se puxeron á venda para ver á selección española xogar en Pasarón.

Ela foi a primeira pero centos de persoas puxéronse na ringleira coa esperanza de conseguir unha destas entradas. O interese da afección estaba fóra de toda dúbida. Máis aínda despois da polémica que se xerou a semana pasada, cando os primeiros billetes se esgotaron en cuestión de minutos.

A venda de hoxe tampouco estivo falta de certo enfado. Moitas das persoas que estaban agardando queixábanse de que outras non estaban a respectar a orde.

A pesares deste descontento, 1.200 afeccionados conseguiron a súa entrada para ver este encontro entre España e Italia preto da casa. Unha oportunidade que non se ten todos os días.

Ao tempo que se vendían as entradas en Pontevedra, a selección adestraba a porta pechada no campo de fútbol de Burgáns, en Cambados. O encontro con Italia será mañá ás 9 e media da noite coa afección preparada para entregarse a animar ás flamantes campioas do mundo.