Unha plataforma de pais e profesores esixe a instalación de aparellos purificadores nas aulas galegas

PONTEVEDRA> Un grupo de nais e pais do colexio de Marcón creou hai unhas semanas a plataforma “Hepa nas Aulas Galicia”. Un colectivo que esixe a instalación de aparellos purificadores nas aulas dos colexios públicos. Con esta medida preténdese minimizar o risco de contaxios por Covid. Así e todo, esta plataforma estase atopando coa negativa da Consellería de Educación.

O pasado 15 de xaneiro nacía en Pontevedra a plataforma “Hepa nas Aulas Galicia”. Un colectivo que agrupa xa a centos de familias, anpas e profesorado de toda a nosa comunidade. O seu obxectivo é claro: que a Consellería de Educación permita a instalación de aparellos purificadores con filtro Hepa nas aulas dos colexios públicos galegos.

A plataforma asegura que a instalación destes aparellos serían unha medida complementaria ás que xa están en vigor e afirma que deste xeito minimizaríase ao máximo o risco de contaxio por aerosois. Así e todo, as familias atópanse cunha actitude de bloqueo por parte da Xunta de Galicia.

A negativa da Xunta non responde a unha cuestión económica xa que estes aparellos teñen un custe mínimo e, ademais, serían as propias familias as que afrontarían esa inversión.

O apoio a esta plataforma por parte das familias galegas continúa aumentando e, de feito, o colectivo asegura que non parará ata que a administración autonómica facilite a instalación dos filtros HEPA nas aulas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí