O despedimento da delegada da CIG na residencia Soremay pon en pé de guerra ao sindicato

PONTEVEDRA> A CIG mobilízase contra o despedimento dunha traballadora da residencia Soremay de Pontevedra. Aínda que dende a empresa xustificaron a medida acusando á muller de mala relación coas súas compañeiras, dende o sindicato atribúen a decisión a represalias polo labor sindical da traballadora, delegada da CIG. A plataforma reclama a súa readmisión e este xoves porán en marcha un calendario de mobilizacións.

O despedimento dunha traballadora da residencia Soremay de Pontevedra pon en pé de guerra á CIG. O sindicato denuncia que a medida é arbitraria, represiva e sen fundamentación laboral.

Sandra Iglesias, a traballadora despedida, comezou na residencia no 2019. Encadeou varios contratos ata que en abril de 2021 fixérona indefinida. Asegura que os problemas non comezaron ata que en xuño de 2022 foi escollida delegada da CIG.

Iglesias asegura que as tensións non só foron coa nova dirección da residencia. Tamén con outras compañeiras do comité de empresa.

Dende o sindicato explican que a intención é recorrer o despedimento pola vía xudicial para conseguir a súa nulidade e que a traballadora volva ser contratada. Ademais, iniciarán un calendario de mobilizacións, con dúas concentracións ás portas de Soremay os días 5 e 11 de xaneiro ás 12 do mediodía.