Ribeira acolle a presentación do proxecto ‘Relevo 2020’

RIBEIRA> Trátase dunha iniciativa promovida por cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, entre os que se inclúe o da Ría de Arousa, e que busca promover o relevo xeracional no sector pesqueiro, mediante a capacitación dos mozos, a través da formación e un mellor coñecemento dos recursos dos territorios.

‘Relevo 2020’ é o proxecto promovido por cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro entre os que se inclúen o Ría de Arousa ou o Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible. Ten un carácter formativo e está dirixido a mozos entre os 16 e os 30 anos.

O programa formativo, que levará a cabo a empresa Arenaria con experiencia neste campo, desenvolverase dende setembro deste ano a abril de 2021 con dúas  edicións: a primeira de setembro a decembro e a segunda, de xaneiro a abril. Aínda que as dúas serán independentes. En total haberá 30 prazas para cada Grupo de Acción Local. O programa estruturarase mediante seminarios, saídas de campo para estudos dos recursos locais, encontros con outros mozos para coñecer a súa experiencia ou visitas a outros territorios.

Para informarse sobre o proxecto, está habilitada a dirección de email info@relevo2020.org e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí