RIBEIRA> Relevo na alcaldía de Ribeira. A popular María Sampedro foi elixida alcaldesa tras prosperar a moción de censura contra Luís Pérez Barral, nun pleno cargado de tensión onde foron constantes as interrupcións por parte de numeroso público asistente.
Dende moito antes das doce do mediodía, hora de inicio do pleno, numerosos veciños dábanse cita ás portas do concello para asistir ó debate da moción de censura. Xa no exterior se percibía a crispación presente no transcurso da sesión plenaria con constantes interrupcións nas intervencións dos concelleiros e mesmo algún incidente entre o público que acabou cunha das espectadoras desaloxada.
Aínda así a entrada ó auditorio vello foi ordenada, regulada pola policía local presente durante toda a sesión para evitar posibles disturbios á vista do caldeados que se atopaban os ánimos. A xa alcaldesa, que accedía ó salón de plenos como candidata, foi recibida con aplausos e arroupada polos membros do seu grupo, aínda que tamén se escoitaron apupos do público contrario á moción.
O rexedor saínte tamén levou a ovación de boa parte do público mentres que o voceiro do PBBI foi recibido ó berro de traidor e vendido. Ademais de numerosos veciños, entre o público atopábanse numerosos deputados provinciais e autonómicos de ámbalas dúas formacións así como o senador do PP, Manuel Ruíz, e o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego.
Trala constitución da mesa de idade, o concelleiro popular Ramón Doval deu lectura ó texto da moción. Os seus promotores explicaron os motivos que lle levaron a presentala aludindo á parálise e falla de transparencia do goberno. Pola contra, BNG, PSOE e os dous edís non adscritos defenderon o seu labor á fronte do executivo durante estes dous anos nos que destacaron a capacidade de diálogo e cesión en prol do interese común de Ribeira.
A primeira en tomar a palabra foi a voceira popular que defendeu a lexitimidade da moción que cualificou como un acto de responsabilidade para devolver a Ribeira á senda do progreso.
Pola contra, o alcalde saínte insistiu nos intereses partidistas que se agochan tras esta moción acusando de traizón ós seus exsocios e goberno e de corruptores ós populares que alentaron este pacto.
Especialmente crítico foi o voceiro socialista Fran Suárez.Puerta acusando ós edís do PBBI de aceptar prevendas e subornos para desaloxar ó tripartitio do goberno.
Acusacións que o voceiro do PBBI negou responsabilizando ó BNG da ruptura do acordo de goberno por antepoñer os intereses do seu partido ó ben xeral de Ribeira.
Os dous edís independentes, Juan Luis Furones e Tania Redondo, tamén tomaron a palabra para explicar os motivos que lle levaron a non secundar a moción.











