O BNG de Ribeira esixe o mantemento dos equipamentos públicos

RIBEIRA>  Os nacionalistas poñen como exemplo o estado no que se atopa actualmente o barco de Xarás, que precisa unha urxente restauración.

Os nacionalistas presentaron unha iniciativa no Concello a través da cal demandan a restauraración do barco situado na rotonda de Xarás. Segundo eles a mellora da embarcación serviría para deter o seu deterioro e mellorar o aspecto deste elemento que dá a benvida ó municipio.

Para o BNG esta é unha mostra máis do desleixo do goberno local no coidado do patrimonio cultural e histórico do municipio, que se estende tamén ó mobiliario público, parques infantís e ás áreas de lecer, que presentan tamén un deficiente estado de conservación.

Dáse a circuntancia ademais que os nacionalistas xa presentaran ó inicio do actual mandato unha moción semellante que pedía un plan de mantemento de equipamentos públicos que resultou aprobada pola corporación municipal, pero que polo de agora aínda non se puxo en marcha.