O BNG propón a reordenación do aparcadoiro municipal da avenida da Coruña

RIBEIRA> O BNG de Ribeira propón a reordenación do aparcadoiro da avenida da Coruña para ampliar os espazos de estacionamento no centro urbano. Trátase dunha proposta encadrada no plan do BNG para avanzar cara un novo modelo de mobilidade con máis opcións de estacionamento libre e accesible no casco urbano.

Os nacionalistas levarán ó pleno do próximo luns unha iniciativa solicitando a reorganización e o repintado das prazas do aparcadoiro municipal situado ó carón do Gadis da Avenida da Coruña. Na actualidades as prazas son moi reducidas o que provoca frecuentes incidencias que poderían evitarse cunha correcta delimitación das prazas.

Esta iniciativa vai na liña iniciada polo BNG cando ostentaba a alcaldía para mellorar o estacionamento no casco urbano con medidas como a creación do aparcadoiro da Avenida de Ferrol ou a municipalización do Centenario. Piden ó actual executivo que dea continuidade a estas políticas con proxectos como a reordenación viaria das Abesadas.

Entenden os nacionalistas que Ribeira debe seguir avanzando cara un novo modelo de mobilidade que combine aparcadoiros ben organizados, prezos accesibles, espazos gratuítos e mellores alternativas de transporte público.