RIBEIRA> A ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira vén de remitir un escrito ó recentemente nomeado director territorial de Educación. Pídenlle a Santiago Freire que teña en conta as demandas de melloras no centro que xa lle foron transmitidas ó seu antecesor pero quedaron sen resposta.
Son moitas as demandas que a ANPA Santa Uxía do CEIP O Grupo ten trasladado á Consellería de Educación nos últimos meses sen obter resposta. Confían en que o cambio na dirección territorial co nomeamento de Santiago Freire supoña un punto de inflexión para conseguir esas tan necesarias melloras para o centro polo que xa teñen solicitada unha xuntanza co novo responsable provincial.
Ademais das necesidades de persoas no que respecta especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, demandan unha serie de reformas nas instalacións como a substitución da cuberta do anexo de infantil, a envolvente térmica do edificio principal, o pintado da fachada ou a rehabilitación integral da antiga comisaría.
Agardan que as súas propostas teñan mellor acollida por parte do novo director territorial que polo seu antecesor.











