Rafa Domínguez asegura que un membro do BNG leva traballando 20 anos no Concello de forma irregular

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra volve a denunciar un novo contrato do BNG. Nesta ocasión trátase da prórroga do trato da encargada do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Unha persoa que pertence tamén ao Consello Local do BNG na cidade.

Durante máis de 20 anos o Concello de Pontevedra estivo prorrogando o contrato por obra e servizo da encargada de Normalización Lingüística. Así o anunciou hoxe o PP. Un tipo de contrato que, segundo a lei está limitado a un máximo de 4 anos e que despois debería sacarse a concurso público. Ademais, segundo anunciaron hoxe os populares, esta traballadora pertence ao Consello Local do BNG na cidade.

O PP asegura que existen numerosos informes do departamento de Intervención e de Persoal alertando da necesidade de regular este posto de traballo. Algo que leva aos populares a acusar directamente ao alcalde de Pontevedra.

Os populares acusan ao Concello de empregar dúas varas de medir: unha para persoas afíns ao BNG e outra para o resto dos traballadores.

O PP asegura que hai máis contratos irregulares e por iso volve a esixir a creación dunha comisión de investigación.