PONTEVEDRA> Onte coñeciamos a nova sentenza da Audiencia Nacional contra a contuidade de ENCE en Lourizán e hoxe foi xornada de valoracións. A Asociación pola Defensa da Ría foi o colectivo que presentou este último recurso e que supón a terceira vez que o tribunal anula a prórroga concedida polo goberno en funcións á pasteira. Dende a APDR ven o escenario con optimismo e cren que, de facerse firme a sentenza no Tribunal Supremo, o desmantelamento de ENCE comezaría nun prazo de dous anos.
Era o terceiro recurso contra a prórroga concedida a ENCE para ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre ata o 2073 e dende onte sabemos que é a terceira vez que a Audiencia Nacional se pronuncia contra esta prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy.
Hoxe a Asociación Pola Defensa da Ría celebraba esta nova decisión do tribunal que, matizan, é diferente ás anteriores. No seu personárase tamén a Autoridade Portuaria de Marín, asegurando que a actividade de ENCE é fundamental para o porto.
Polo tanto, para a APDR a marcha de ENCE de Lourizán está cada vez máis próxima, e agardan que o Tribunal Supremo se pronuncie na mesma liña que a Audiencia Nacional.
Masa asegurou tamén que de facerse firme a sentenza pedirán a súa execución inmediata. Polo que o desmantelamento de ENCE podería comezar en dous anos.
Un futuro para estes terreos no que agardan contar cos colectivos implicados. De feito, van comezar unha rolda de contactos con eles, coa intención de apostar polo marisqueo, o turismo e o ocio.