A Deputación agarda unha ocupación entre o 70 e o 75% para o verán en Pontevedra

PONTEVEDRA> O deste ano será un bo verán para o turismo na provincia de Pontevedra. Segundo as estimacións do Observatorio do Turismo, a ocupación media situarase entre o 70 e o 75% nos meses de xullo e agosto. A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que se superarán as cifras do ano 2021.

Se as previsións do Observatorio do Turismo para este verán se cumpren, Pontevedra repetirá como a provincia cos mellores datos turísticos de toda Galicia. Segundo os seus cálculos, a ocupación media estará entre o 70 e o 75% nos meses de xullo e agosto.

Para xullo, os hoteis da provincia teñen un 12% máis de reservas que no mesmo mes do ano pasado, acadando o 68%. Nas comarcas do Salnés e de Pontevedra supérase este dato, cunha ocupación media do 75 e do 73% respectivamente. Por vilas, en Sanxenxo podería acadarse o 80%, mentres que en Pontevedra e no Grove roldará o 75%. No mes de agosto, as estimacións iniciais apuntan a unha ocupación do 75%.

As previsións tamén son moi favorables para os establecementos de turismo rural e os campings. Destaca a demanda das vivendas turísticas, con reservas que superan o 72% en xullo e agosto.

Estes bos datos veñen confirmar unha tendencia que xa iniciou o mes de xuño. A piques de rematar, a media da ocupación hotaleira é do 60%, 17,2 puntos máis que no ano pasado. Destaca a comarca de Caldas, que rexistrou case un 68% de reservas. Tamén a cidade de Pontevedra, que acadou o 74%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí