RIBEIRA> O BNG presentará iniciativas no Concello e tamén no Parlamento para que se dote a Ribeira dunha nova residencia pública. Responde así a unha vella demanda da formación para conseguir dar resposta ó elevado déficit de prazas neste tipo de centros.
A carón das vellas instalacións da discoteca ‘Hesta Kurva’, en Palmeira, os nacionalistas volveron a reclamar unha nova residencia pública no municipio. E máis, propóñenlle ó grupo de goberno a cesión deste inmoble, adquirido no seu día polo Concello por un importe de cen mil euros, para destinalo a este fin, previa cesión á Xunta.
A través do grupo parlamentario, o BNG tamén levará esta solicitude á Xunta. A deputada Rosana Pérez preguntará polas previsións do Goberno Galego para habilitar prazas de residencias públicas na Barbanza.