SANTIAGO> A medida que avanza o xuízo contra José Enrique Abuín polo crime de Diana Quer, máis complicado se fai manter a versión da defensa. Hoxe, dous Gardas Civís que participaron do levantamento do cadáver da moza madrileña confirmaron que o corpo estaba totalmente espido. Tamén confirmaron a existencia dunha brida enredada no cabelo de Diana, que fiscalía e acusación sinalan como a arma homicida.
Os testemuños dos dous Gardas Civís que participaron no levantamento do cadáver de Diana Quer e da súa retirada do pozo arroxaron novas dúbidas sobre a versión de José Enrique Abuín do que sucedeu a noite do 22 de agosto de 2016. Os axentes aseguran que o corpo estaba completamente espido.
Tamén confirmaron a existencia dunha brida que apareceu enredada no cabelo de Diana e que Fiscalía e acusación sinalan como a arma que tería empregado O Chicle para asfixiala despois de agredila sexualmente. Como xa fixera noutras ocasións, a avogada da defensa buscou coas súas preguntas demostrar que se fallara na cadea de custodia da proba.
Ambos coincidiron ao asegurar que Abuín Gey coñecía perfectamente a nave de Asados. Ademais, destacaron a súa frialdade durante todo o proceso.
A aparición de varios bloques no interior do pozo tamén podería cuestionar a versión do Chicle. Os que se atoparon no fondo estaban atados cun cable de electricidade sinxelo. Pola contra, os que lastraban o cadáver estaban unidos mediante un cable máis groso que non se correspondería con ningún outro atopado na nave, co que incluso se formaron unha especie de asas que farían máis sinxela a súa manipulación. Isto podería indicar que José Enrique Abuín fixo dous intentos para lastrar o cadáver de Diana e asegurar que permanecía no fondo do pozo.