A Garda Civil desmantela unha rede de estafas en internet con ramificacións en Ribeira

RIBEIRA> A Garda Civil detivo a un total de 16 persoas en diferentes localidades españolas, entre as que se atopaba tamén Ribeira, dunha rede dedicada a cometer estafas por internet. Foi no marco da denominada operación ‘Augas Vivas’.

Segundo informaron fontes policiais, a  través dun software malicioso, instalado no ordenador da vítima, pola técnica coñecida como ‘email spoofing’, conseguían desviar ás súas contas grandes cantidades de diñeiro.

Ademais de Ribeira realizáronse detencións en Madrid, Parla e Móstoles, así como tamén Aranda del Duero ou Seseña, entre outras localidades españolas.

Tódolos prendidos están acusados de presuntos delitos de estafa e pertenza a organización criminal. Grazas á investigación realizada puidéronse esclarecer un total de 20 delitos de estafa, por un importe total defraudado de preto dos 300 mil euros.

Nos rexistros realizados a Garda Civil puido intervirlle tamén gran cantidade de documentación, dispositivos móbiles e equipos informáticos.

A investigación iniciouse hai máis dun ano, despois de varias denuncias presentadas por diferentes organismo oficiais, como é o caso da Axencia Tributaria, Facenda, Correos ou a DXT.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí