RIBEIRA> O concello de Ribeira contestará ó cuarto requirimento de Portos de Galicia para autorizar a instalación das atraccións no recheo. Aínda así, dende o executivo critican as esixencias do ente autonómico demandando estudos pormenorizados nunca antes requiridos.
Os técnicos do concello de Ribeira seguen a traballar contrarreloxo para contestar o novo requirimento de Portos de Galicia, o cuarto xa, para tramitar a autorización das atraccións de feira. Entre os novos informes demandados figuran os planos de localización das atraccións, escenarios ou mesmo os baños así como un plan alternativo para o funcionamento do porto.
Dende o concello darán resposta ás demandas de Portos malia que as consideran excesivas posto que nunca antes se fixeran tantos requirimentos nin ó concello de Ribeira nin a ningún outro de Galicia.
Aínda así, confían en obter finalmente a autorización despois de que Portos procedera á modificación das zonas vermellas o que supón un pequeno avance de cara á instalación das atraccións no recheo portuario.











