Boiro solicita un cribado para frear o actual incremento dos contaxios

BOIRO> No Barbanza preocupa especialmente a situación de Boiro, que hoxe presenta 55 positivos. O Concello teme que a situación, vendo a evolución dos contaxios dos últimos días, conleve cambios no nivel de restricións no municipio.

O alcalde de Boiro, Xosé Ramón Romero, mostrou a súa preocupación polo notable incremento no número de novos positivos nos últimos días. Dende o Concello temen que a evolución dos contaxios provoque cambios no nivel de restricións a partir de mañá martes cando se reúne o comité clínico.

O Concello xa lle solicitou a sanidade a realización dun cribado entre a poboación máis moza para poder así detectar casos asintomáticos e frear a expansión do virus.

O alcalde nega que esta suba dos casos teña algo que ver coa celebración das festas do verán, xa que a programación deseñada polo Concello desenvolveuse cumprindo tódalas medidas de seguridade.

Segundo el un posible cambio no nivel de restricións siginificaría un novo mazazo para a hostalería e o comercio local, nun momento ademais no que se observa unha certa recuperación económica.

Durante toda a fin de semana, a Policía Local  e a Garda Civil, intensificaron os controis e a vixilancia, para evitar as aglomeracións de xente e os botellóns nas principais prazas, parques e praias do municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí