Manuel Ruíz solicita a rectificación de Abel Caballero en relación ás Cíes-Illas Atlánticas

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, solicita a rectificación do seu homólogo vigués, Abel Caballero, e pide que se manteña a candidatura única para o conxunto das Illas Atlánticas. Caballero pediulle á Xunta a retirada da proposta de declarar como Patrimonio da Humanidade a tódalas illas do Parque, para non seguir obstaculizando a de Cíes en solitario, promovida dende a cidade olívica.

As últimas declaración do alcalde de Vigo, Abel Caballero, en relación á candidatura conxunta de Cíes-Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade da UNESCO, non sentaron ben en Ribeira. O alcalde, Manuel Ruiz, en nome do Goberno, afírmase na súa postura para que a Xunta de Galicia se manteña na intención de solicitar esta declaración para tódalas illas que integran o Parque Nacional. O rexedor ribeirés lamenta a postura insolidaria do alcalde de Vigo posto que, sen cuestionar a singularidade propia das illas Cíes, unha singularidade que mesmo motivou de feito que o seu topónimo figure de forma expresa no título da candidatura, entenden que o resto de illas e arquipélagos do Parque posúen tamén uns valores propios que xustifican por si mesmos a súa inclusión. Neste senso, a potencialidade e valor global que reúne a candidatura conxunta das Illas Atlánticas é moi superior a unha candidatura única das Cíes, e valores medioambientais como os que acredita Sálvora non atopan parangón no resto do Parque Nacional. Por esta razón, Ruíz solicita unha rectificación por parte do rexedor vigués e que non inclúa nas súas pelexas coa Xunta posturas ilóxicas e irrespectuosas con outros Concellos como as que está mantendo.